Autonomía e benestar

Empeza maio, e con el, a planificación do piso de verán, un espazo onde convivir e aprender a autonomía nun ambiente san, distendido e respectuoso. É por iso que aquí presentamos o respiro familiar para este verán de 2024.

O piso de Xaruma, na rúa Crisantemo (Vigo) ten capacidade para catro persoas e é un espazo aberto e diáfano recentemente reformado. Consta de:

  • Catro habitacións equipadas con armario, cama, mesa de noite, escritorio e cadeira. Todas teñen iluminación natural e persiana totalmente renovada.
  • Baño totalmente accesible con varandas de agarre.
  • Cociña totalmente equipada.
  • Salón comedor moi luminoso e diáfano, aberto á cociña.
  • Galería, unha zona soleada perfecta como espazo de lectura e xogo.

O acceso ao piso conta cunha plataforma salvaescaleiras para as persoas que non poidan subir ou baixar de forma autónoma. Igualmente, tamén hai acceso libre a internet.

O respiro de verán consiste en pasar un número de semanas determinado vivindo no piso, realizando as actividades propias da vida autónoma. Durante o día, contan coa presencia dunha monitora ou monitor de apoio. Pola noite, as persoas dormen soas cunha persoa de garda que recibe chamadas en caso de urxencia. As persoas participantes aprenderán a limpar, cociñar e establecer rutinas, pero tamén a crear plans de ocio, convivir con outras persoas e a coñecerse a un/ha mesmo/a. Tamén existirá a posibilidade da actividade de xantar todos os días que haxa respiro.   

As persoas interesadas en participar no respiro de verán deberán poñerse en contacto coa entidade a través das canles de comunicación existentes. Podes consultalas no apartado CONTACTA.