A xustiza social existirá cando exista unha igualdade efectiva entre mulleres e homes, tanto no ámbito público como privado, pero para elo, necesítase dunha coeducación máis real en todas as etapas da vida das persoas.

As desigualdades de xénero están directamente relacionadas coa pobreza das mulleres e o seu acceso ao poder. Ser muller inflúe nos elementos que inciden na situación de pobreza ou exclusión social, sumando a maiores, factores de dobre discriminación como “ser muller con discapacidade”.

En Galicia ao redor do 24% das mulleres atópanse en exclusión social. Por iso cómpre desenvolver políticas e medidas que preveñan e erradiquen a desigualdade de xénero.

“Imaxe da exposición Universos, unha viaxe pola saúde mental”

A vía máis eficaz é a educación en igualdade, pero entendendo que todas as partes da sociedade somos importantes neste cambio. Non se pode traballar a igualdade tan só nas escolas, senón que hai que traballalo máis alá da educación formal. Por iso dende Xaruma:

  • Creamos un grupo de mulleres con reunións mensuais.
  • Existe unha formación en igualdade.
  • Danse a coñecer os dereitos das persoas traballadoras.
  • Utilizamos unha linguaxe non sexista.
  • Difundimos unha imaxe non sexista.

Concurso de Curtametraxes de Nigrán

Semana da Diversidade sexual

2º PREMIO

Estamos orgullosas de presentarvos o traballo das nosas participantes, que destacou no concurso de curtametraxes de Nigrán baixo o tema de Sexualidade e abusos sexuais. Nesta ocasión, a curta abordou un tema de suma importancia e sensibilidade: a trata de mulleres en Ucraína a raíz da guerra.


Pegadas de carmín” é unha obra valente e conmovedora que explora e amosa as consecuencias que unha guerra pode ter na vida das mulleres. A través da súa narrativa e das chocantes imaxes, esta curta achega luz sobre un tema que ás veces queda agochado ao non ser tratado como unha realidade. Unha vez máis, as participantes demostraron o seu compromiso coa concienciación social e a loita pola xustiza.

Pegadas de carmín (2023)

Dende Xaruma estamos convencidas de que o arte e o cine poden ser poderosas ferramentas para impulsar o cambio social. Por iso, sentimos orgullo de que a nosa obra fose recoñecida e premiada. Convidamos a todas a gozar de “Pegadas de carmín” e a unirse a nós nesta causa, para que xuntas poidamos traballar por un mundo máis xusto e solidario.

As participantes de Xaruma recollendo o seu premio (9 de xuño 2023, Nigrán)

Manifesto 8M. 2023. Nin tolas nin histéricas

Hoxe, 8 de marzo, é o día da muller.

O día da muller traballadora. Da directiva. Da empregada doméstica.

Da muller escrava da súa familia. Da empregada sexual. Da vítima do machismo.

Da muller racializada. Da mal chamada “tola”. Da discriminada.

Da feminista e, incluso, da que di non selo.

Hoxe é o día de todas as mulleres, por iso, reivindicamos os nosos dereitos perdidos fronte aos abusos recibidos por parte do patriarcado.

  • Esiximos máis igualdade no mundo laboral. Mesmo salario polo mesmo traballo. Máis presencia nos cargos directivos e máis representatividade en todas as disciplinas.
  • Queremos corresponsabilidade no fogar, que os coidados non recaian tan só nun lado. Liberarnos da culpa mal asumida pola educación patriarcal e ser libres.
  • Reclamamos unha educación igualitaria, onde se dea valor ao contido e á forma. Onde todas as persoas teñan os mesmos dereitos e a mesma accesibilidade. Onde o feito de ser muller non supoña un hándicap para conseguir os propios obxectivos. Unha educación onde teñamos referentes que nos permitan romper o teito de cristal.
  • Non queremos que se sigan perpetuando os roles de xénero nin hipersexualizando ás nenas dende idades temperás.

Pero sobre todo, esiximos máis respecto cara á saúde mental en xeral, e das mulleres en particular. Queremos que a perspectiva de xénero se teña en conta para realizar os diagnósticos, os seguimentos e os tratamentos das persoas. Non queremos ser xulgadas. Non somos nin tolas nin histéricas e non nos queremos agochar. Somos mulleres con trastorno mental. Pero tamén somos activas, dinámicas, amigas, irmás, nais, compañeiras, traballadoras, coidadoras, aventureiras. Somos persoas.

Xa moitas mulleres foron silenciadas ao longo da historia, por iso hoxe, 8 de marzo, berramos ben forte e para que se nos escoite: “A loita é nosa. Mulleres libres e unidas”.  


Manifesto 8M. 2021. Muller e Saúde Mental

Hoxe vimos a representar o activismo feminista na saúde mental. O lema deste ano é “sen coidados non hai vida”. E por esta razón, hoxe estamos aquí para reivindicar menos estigmas e máis coidados para o noso colectivo.

Moitas sabemos de primeira man que ser muller nunca foi algo doado. Sempre relegadas ao coidado do fogar e dos/as familiares e lidiando cos malos tratos constantes.

Ás veces a xente pregúntase: que é ter unha enfermidade mental? En lugar de preguntarse “que motivos nos levan a caer no pozo do noso pensamento?” As razóns están claras. Só con xustiza social acadaremos a saúde mental da que tanto se fala.

Deixemos de receitar pastillas, que parece que é o único que saben facer, e loitemos xuntas e xuntes por un mundo mellor para tod@s.

Hoxe vai polas empregadas domésticas e os colectivos de mulleres que pola súa precariedade sofren máis que ninguén a depresión causada por un sistema violento e desigual. Vai polas nenas que sofren bullying e que pode costarlles a vida.

Berremos forte contra os violadores e agresores sexuais, que nos crean uns traumas irreversíbeis. E esto non é un estigma do pasado, senón que é unha realidade actual.

E por iso digo forte: “Non nos falta serotonina, sóbranos patriarcado!”

-MJ

“A igualdade de xénero ten que ser unha realidade vivida”

Michelle Bachelet