En Asoc. Xaruma seguimos traballando para cada ano ofertar algo máis, por iso aquí tes un pequeno resumo da nosa programación anual para o 2024.

PROXECTOS 2024

O proxecto Naturalmente naceu xunto coa entidade para dar resposta ás necesidades máis básicas en saúde mental: fomento da autonomía, necesidade de tempos alleos aos coidados familiares e ocio terapéutico.

Fiares nace froito da sobrecarga tras a pandemia, mais non era algo novo. Este proxecto pretende acoller e coidar ás persoas que coidan, mellorar o seu benestar e facilitar a convivencia no día a día, mediante unha intervención psicosocial dende o fogar e fóra del.

O proxecto Mentalízate fomenta o voluntariado e a participación das persoas na comunidade. Persegue o cambio social dende unha esfera máis integradora e formadora e co foco na sociedade.

A formación e o emprego son áreas importantes para unha completa integración. Por iso, dende “Sementando Habilidades” adestramos as capacidades, actitudes, coñecementos e aptitudes para unha mellor incorporación social.

As mulleres con problemas de saúde mental parten dunha situación de múltiple discriminación: o mero feito de ser muller, o rol social/cultural que se lles asigna; ter unha discapacidade e, a imaxe social estigmatizada da saúde mental. Isto fainas especialmente vulnerables e aumenta o risco de rexeitamento, illamento e exclusión social. Voces Moradas busca o apoderamento como muller, traballando o estigma e a identidade.

O transporte xa empezaba a ser unha mella á hora de realizar os proxectos. Coa furgoneta poderemos facilitar a asistencia aos diferentes proxectos da entidade do mesmo xeito que nos permitirá chegar a máis persoas. Este vehículo facilitará a intervención psicosocial que realizamos dende a entidade.

O piso de actividades que levamos reformando dende os últimos anos xa está na súa última fase de reforma. Este ano quedará a fachada e algún retoque interior perfectos para seguir utilizándoo. A día de hoxe funciona a pleno rendemento con diferentes actividades de autonomía e intervención psicosocial.