Podcast para a saúde mental
Podcasts para a saúde mental é un proxecto de formación e información de adolescentes con idades entre os 12 e os 16 anos (1º, 2º, 3º e 4º da ESO) e o seu profesorado. Co obxectivo último da prevención do suicidio, debido á necesidade actual que se detecta de formación en xestión emocional, auto-coñecemento e auto-coidado, saúde mental e recursos neste eido.
A actividade consta de tres sesións de formación e información sobre saúde mental:
- Xestión emocional: mediante unha metodoloxía dinámica, coñeceremos e recoñeceremos as diferentes emocións, incidindo na importancia destas no noso día a día.
- Auto-coñecemento e auto-coidado: seguindo o fío da sesión anterior, trataremos os coidados (cara un/ha mesmo/a e cara o resto de persoas). Introduciremos aquí a teoría “Diástesis-estrés”.
- Saúde Mental e suicidio: uniremos os temas anteriores introducindo o sentimento de desesperanza, as formas de prevención do suicidio e a promoción da saúde mental.
Todos os bloques levarán consigo un apartado de recursos, onde se achega diferentes canles de información para as persoas participantes, tendo en conta diferentes soportes (redes sociais, libros, páxinas, películas, entidades…). Todos os recursos mencionados nas sesións e outros moitos considerados de utilidade, recóllense nesta web de libre acceso para toda a poboación xeral; así como nun perfil de instagram @recursos_sm. Neste perfil tamén se tratarán temas teóricos, por exemplo a diferencia entre un trastorno e un síntoma ou qué é a ansiedade, así coma novas da actualidade en relación coa saúde mental. Para intentar sensibilizar á maior cantidade de poboación posible.
Esta actividade finalizará coa creación dun podcast, programa no que só se recolle a voz e transmitidos de forma online. Esta forma de comunicación é escoitada polo 62% das persoas xoves e o 55% das persoas maiores de 24 anos. O fin da gravación é, por unha banda motivar ao alumnado con este proxecto xa que o podcast é un medio pouco utilizado na ensinanza pero coñecido e utilizado nestas idades no seu tempo libre, e por outra banda, que sexan eles/as mesmos/as os/as que continúe formando e sensibilizando os seus iguais e a poboación xeral, dándolles un papel principal e un espazo seguro para falar deste tema.