Explicarvos o grupo de teatro Xanela non ten sentido se non vos explicamos antes o que aconteceu os anos anteriores.
As cousas máis marabillosas sempre xorden das casualidades ou das pequenas grandes ideas. Un día, quizáis soleado, reunímonos Xaruma e o IES Chapela para explorar formas de colaboración. O IES ten o módulo de atención sociosanitaria e apetecíalles realizar un proxecto de aprendizaxe e servizo que enriquecera ao seu alumnado e tamén a algún colectivo. Nós, Xaruma, levabamos tamén tempo querendo colaborar co IES, pois a distancia dos centros era moi accesible dende a entidade e as posibilidades de colaboración podían enriquecernos a todas moito. Había predisposición polas dúas partes, pero… que facer?
E, case como regalado, xurdiu a idea de facer un grupo de teatro. E tamén, como regalado, xurdiu a posibilidade de colaborar coa ESADg (Escola de Arte Dramática de Galicia).
E comezamos! Un luns cada 15 días xuntabámonos no Multiusos de Chapela a facer teatro. Iniciamos con xogos de deshinibición e interactuación, logo de expresión corporal e dramatización, e, de forma natural xurdiu: XANELA. Xaruma + Chapela. Pero tamén unha ventá aberta a diversas formas de relacionarnos, sentir, expresar…
Xanela é oportunidade e coñecemento. É diversión e liberdade. Expresión e diversidade.
En xuño de 2022 estrenamos a obra “Pon o teu título“; unha peza que falaba da rapidez do día a día, das etiquetas, do estigma e, como non, da liberdade. Unha obra máxica chea de luz, música e vida.
En xuño de 2023 a estrena foi da man de “Disparos de luz”; unha obra moi visual e participativa na que o público, cun disparo de luz, daba vida a cada personaxe. Unha obra que demostra que o amor, no seu concepto máis xeral, sempre pode con todo.
Este ano queremos seguir abrindo o grupo de teatro para que esa diversidade sempre siga presente… Anímaste? Comezaremos o 2 de outubro no Multiusos de Chapela. Será un luns cada 15 días de 17 a 18.40 horas. Se queres formar parte, chámanos ou escríbenos e contarémosche todo todiño.
- Dirección Teatral: ESADg
- Dirección Social: Asoc. Xaruma
- Dirección Loxística e Teatral: IES Chapela
Todas as persoas son importantes! Sabías que dentro do grupo non todas as persoas actúan? Tamén hai persoas encargadas de vestiario, atrezzo, maquillaxe, luces, música… Todo o mundo é necesario, así que non o dubides!
Únete a Xanela!