A terapia artística, coñecida como arteterapia, xurdiu como unha forma accesible e versátil para mellorar o benestar emocional e mental. Esta práctica permite ás persoas explorar e expresar as súas emocións a través de diversos medios creativos, de formas que moitas veces as palabras non poden alcanzar.
É posible que moitos individuos agochen no seu interior diferentes emocións, medos, feridas ou inseguridades, sen saber que están aí. Ou poida que si saiban o que senten, pero non atopen a forma de expresalo ou describilo.
Xa sexa a través da pintura, da escultura ou da música, a terapia artística ofrece un espazo seguro e non verbal para a autoexploración e o crecemento persoal.
Que é a terapia artística?
A terapia con arte é unha forma de tratamento psicoterapéutico que emprega o proceso creativo da arte para recuperar ou mellorar o benestar físico, mental e emocional das persoas.
Desta forma a terapia artística fundaméntase na premisa de que a creación artística pode axudar ás persoas a explorar as súas emocións, resolver conflitos internos, promover a autoconciencia, xestionar condutas e adiccións, mellorar as habilidades sociais, diminuír a ansiedade e fortalecer a autoestima.
A través da cor, da forma, do son ou do movemento, a arte actúa como unha canle de comunicación sen palabras que permite expresar os sentimentos e pensamentos máis íntimos e complexos que soen quedar no interior.
Ao enfrontarse a un lenzo en branco, os individuos poden liberar as súas emocións reprimidas ou confrontar traumas do pasado. A terapia artística tamén funciona como un catalizador para o cambio e a transformación persoal.
Quen pode beneficiarse da terapia con arte?
A terapia artística, en moitas ocasións, emprégase como un recurso adicional a un tratamento médico. E unha das áreas onde actúa con máis forza é na saúde mental, xa que permite actuar tanto de forma terapéutica como preventiva.
Desta forma, a arte pode servir como terapia complementaria en tratamentos de rehabilitación en persoas con trastornos ou enfermidades mentais graves, así como outras condicións de saúde mental.
Todas as persoas, en todas as condicións mentais, neurolóxicas, psiquiátricas ou emocionais, poden beneficiarse da terapia con arte:
- Actúa de forma efectiva en causas de mutismo derivadas da depresión, no manexo da ansiedade e noutras circunstancias derivadas de problemas de saúde mental.
- Axuda a que as persoas con dificultades da aprendizaxe poidan verbalizar os seus sentimentos.
- Tamén funciona como medio de expresión e axuda para mellorar as habilidades de comunicación para as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA),
- Resultar beneficiosa para persoas que se atopan en prisión, xa que lles permite confrontarse cos seus sentimentos dunha forma saudable.
- En casos de demencia, axuda a restaurar o sentido de identidade persoal. Nas situacións de enfermidades crónicas ou terminais, permite recuperar o control e a liberdade.
- Axuda aos nenos e adolescentes que non son capaces de recoñecer os límites ou que presentan comportamentos desafiantes.
En resumo, a terapia artística pode resultar moi beneficiosa para todas as persoas que teñan dificultades á hora de falar dos seus sentimentos ou expresar as súas emocións. O proceso creativo e a expresión artística axuda aos individuos en moitos ámbitos.
- Na resolución de conflitos e problemas.
- No desenvolvemento de habilidades interpersoais.
- No manexo do comportamento.
- Na redución da ansiedade.
- No aumento da autoestima e na autoconciencia.
Tipos de terapia artística
Como dicíamos, a terapia artística permite expresar os pensamentos e as emocións a través de distintos medios artísticos. Desta forma, podemos atopar diferentes variacións ou tipos de terapias artísticas, cada unha coa súa metodoloxía específica.
Arteterapia
A terapia artística, en xeral, tamén é comunmente coñecida con este termo. Sen embargo, poderíamos dicir que a arterapia traballa, concretamente, a través de medios tanxibles.
Os individuos poden plasmar aquilo que non saben expresar a través de traballos con pintura, debuxo, escultura, barro…
Musicoterapia
Como o seu nome indica, esta modalidade emprégase para tratar problemas físicos, cognitivos, emocionais ou sociais, a través da música.
Isto engloba desde xogos musicais, ata a escritura de cancións, improvisacións, instrumentos…
Danzaterapia
A danzaterapia busca resolver conflitos emocionais ou psicolóxicos a través da danza e o propio movemento do corpo.
Esta terapia artística axuda a controlar e expresar emocións, favorece a convivencia, mellora as habilidades motrices, reduce a ansiedade…
Teatroterapia
Podería dicirse que este modelo de terapia con arte actúa como un proceso a través do cal as persoas poden expresarse de forma creativa e explorar os seus límites.
O obxectivo do teatro terapéutico é que os individuos teñan conciencia dos aspectos da súa personalidade que non teñen integrados.
Existen diferentes tipos de terapia artísitca ou creativa, pero todos deben ser guiados por psicoterapeutas profesionais e especializados neste ámbito.
Como xa vimos, a través da arte ábrese unha porta cara a autoexploración e curación que pode transformar a experiencia de vivir con diferentes patoloxías, trastornos ou enfermidades mentais.
Se che interesa coñecer outros recursos para a saúde mental, podes atopalos navegando pola nosa páxina web. E se queres coñecer máis sobre a terapia artística ou informarte sobre as nosas áreas de actuación, non dubides en poñerte en contacto connosco!