Case no 90% das familias que requiren axudas para o coidado dun membro dependente, son os propios familiares directos os que tenden a asumir este rol e, en moitos casos, é un único membro da familia o que asume ese rol de coidador/a. Esta situación que experimenta a persoa que brinda os coidados pode chegar a xerar estrés, esgotamento e sobrecarga, dando lugar ao chamado Síndrome da persoa coidadora.

Unha persoa dependente require axuda en todas aquelas funcións que xa non pode desempeñar por ela mesma (hixiene persoal, hábitos alimentarios, hixiene do soño, xestións domésticas, xestións económicas, desprazamentos…). Ante iso, é necesaria a figura dunha persoa co rol de coidadora, co fin de axudarlle a desempeñar estas accións e brindarlle o apoio emocional que precise.

Estas persoas denominadas coidadoras tenden a dividirse en dous grupos:

  • Profesionais, prestadoras dun servizo determinado.
  • Familiares ou persoas próximas á persoa dependente.

Cabe mencionar a elevada prevalencia de familiares coidadores en comparación aos profesionais, o cal pode supoñer un problema debido a que non se dispoñen de estratexias de afrontamento suficientes ou en ocasións correctas para estas circunstancias.

A sobrecarga que supón coidar pode repercutir notoriamente na saúde física da persoa coidadora pero tamén aparecer repercusións psíquicas relacionadas xeralmente á ansiedade e a depresión. O desbordamento desta situación ocasiona frustración ao ver que non se pode chegar a todo, deixando en segundo plano as propias necesidades (incluíndo as emocionais), intereses, a propia contorna ou o emprego do tempo de lecer, podendo aparecer illamento social, deterioro da calidade de vida e do tempo libre e, dando lugar, á síndrome do coidador queimado.

Polo tanto… a que nos referimos coa síndrome da persoa coidadora?

A síndrome do coidador/a tamén chamada síndrome da persoa coidadora cansa ou queimada consiste no esgotamento ou na sobrecarga sentida polas persoas que acompañan, apoian e brindan coidados continuos a unha persoa dependente debido ás demandas e responsabilidades constantes dese coidado, carrexando repercusións na súa saúde tanto física, emocional e social.

Cantos tipos existen?  

 Existen diferentes tipos da síndrome do coidador/a relacionados coas características e experiencias de cada persoa coidadora:

  • Síndrome do coidador/a primario: refírese cando a persoa coidadora é a principal titora ou responsable da persoa que coida. Obsérvase máis en familiares directos ou persoas próximas.
  • Síndrome do coidador/a secundario: refírese á persoa coidadora que non está directamente relacionada co coidador/a principal pero á que tamén afectan as responsabilidades do primario. Exemplo: o avó é coidado pola súa filla e esta filla, á súa vez, pide apoio ao seu fillo; este sería o coidador secundario.
  • Síndrome do coidador/a na distancia: refírese cando a persoa que coida está na distancia e isto complícalle brindar apoio á persoa que necesita coidados.
  • Síndrome do coidador/a profesional: é o tipo de coidador/a que recibe remuneración por outorgar o servizo de coidado.

Todas e cada unha destas persoas poden presentar a síndrome xa que, a cada unha, aféctalle de diferente maneira e de proporcións diversas de acordo ao tipo de coidado brindado á persoa/paciente.

E cales son as causas?

A principal causa da síndrome da persoa coidadora é o estrés continuado ou crónico. Este aparece pola loita diaria da persoa que ofrece os coidados “contra” a enfermidade ou dependencia da persoa á que coida. Este estrés fai que se esgoten tanto as reservas físicas como as psicolóxicas da persoa coidadora.

A confusión de roles tamén é outra causa común. Por exemplo, se se trata do coidado da esposa, o coidador non pode separar o rol de coidar co seu rol de esposo.

As expectativas pouco realistas son outra das causas. A persoa que brinda os coidados espera que o seu desempeño cause un efecto positivo, ás veces inmediato, sobre a persoa que coida. Cando non ocorre o efecto que se espera e no tempo que se espera, o coidador/a pode sufrir un esgotamento e decepción que o leva a sufrir esta síndrome.

A falta de control sobre a situación pode causar tamén frustración, sobre todo, cando non se conta cos recursos que se necesitan para brindar unha melloría. O que leva a esixencias pouco razoables, outra das causas. Exemplo disto aparece cando a persoa coidadora pensa e sente que é o único responsable da persoa enferma.

Se es persoa coidadora de familiar/es, parella, amizades ou sinxelamente é o teu traballo e non tes unha relación directa coa persoa á que coidas pero involúcraste, ten en conta os factores de risco.

Podo ter o síndrome da persoa coidadora?

Podemos identificar diversos signos e síntomas da síndrome do coidador/a. A sobrecarga que sente a persoa que coida pode dar lugar a manifestacións sintomáticas tanto a nivel físico, psíquico coma social, sendo as seguintes as máis frecuentes:

Síntomas físicos:

  • Perda de enerxía e sensacións de fatiga e cansazo
  • Dor de costas e ou dores musculares
  • Cefaleas
  • Mareos
  • Incapacidade para relaxarse
  • Dispepsia
  • Pesadez de pernas

Síntomas psíquicos:

  • Estrés e ansiedade
  • Depresión
  • Alteracións do soño
  • Apatía
  • Irritabilidade
  • Nerviosismo
  • Perda da identidade persoal
  • Pensamentos de suicidio ou de abandono
  • Resentimento cara á persoa á que se coida
  • Sentimentos de desesperanza
  • Dificultades para manter a concentración
  • Problemas de memoria
  • Sentimentos de culpabilidade

Síntomas sociais:

  • Illamento
  • Perda de interese
  • Dificultade nas relacións interpersoais
  • Reacción desmesurada ante as críticas

Todos estes síntomas ou consecuencias da síndrome do coidador queimado poden variar segundo o tipo de coidados que se brindan e dependerán da persoa dependente e das súas necesidades.

Importancia de saber coidar

En primeiro lugar, hai que ter en conta que se pode previr a síndrome da persoa coidadora, coñecendo e entendendo a enfermidade e evolución da persoa coidada, no caso de que a teña. Así, evitaremos crear falsas expectativas e saberemos cal é o efecto do noso propio desempeño. Algunhas das accións e tratamentos que recomendamos para superar ou soportar a síndrome da persoa coidadora son:

  • Terapia psicolóxica: para aprender a identificar e aliviar algúns dos síntomas emocionais é importante acudir a un profesional da psicoloxía.
  • Grupos de apoio: participar nestes grupos e escoitar as experiencias doutras persoas, axuda a soportan os coidados das persoas ás que se coidan. Espazo Nós Mesmas
  • Apoio emocional: buscar apoio nas persoas que queremos e compartir as nosas emocións e experiencias con elas, axúdanos a mellorar en todos os aspectos. Apoio ás Familias
  • Autocoidado: coidarse unha mesma, dedicarse tempo para realizar actividades que nos conectan con nós mesmas, que nos gustan e que nos relaxan, son vitais para mellorar a nosa saúde en xeral. Autocoidados OMS
  • Delegar tarefas: aprender a delegar tarefas aos demais é esencial para evitar caer en estrés e para que a responsabilidade do coidado non recaia nunha soa persoa.
  • Formación: informarse sobre a enfermidade e/ou dependencia da persoa que se coida, servirá para mellorar as ferramentas coas que abordar eses determinados coidados.

Se estás interesada/o ou precisas máis información, podes chamar ao número 986 127 949 ou ao 698 142 158, ou ben, mandar un correo electrónico a infoxaruma@gmail.com