O barrio histórico de Vigo retoma esta semana unha das súas actividades máis divertidas do ano: o PetardBingo Solidario Pride Edition. A asociación cultural Casco Vello Alto organiza unha nova edición deste evento, que vén celebrando desde 2016. Terá lugar este venres 30 de xuño a partir das 19:30 na praza do Abanico.

O PetardBingo propón celebrar, de forma amena, a diversidade do barrio, axudando ademais a causas solidarias mentres se gañan diferentes premios. Nesta ocasión, PetardPop e a Asociación Casco Vello Alto recadarán fondos para a Asociación Xaruma a través da venda de cartóns. Concretamente, irán destinados aos proxectos encamiñados á autonomía e, polo tanto á mellora da saúde emocional en persoas con trastornos mentais e as súas familias.

As persoas que participen nesta particular actividade optarán a premios para as liñas e os bingos. Así mesmo, poderase acceder a múltiples sorteos de agasallos doados polos patrocinadores do evento: Adegas Celme, Restaurante As Marías, BlueMoon Publicidad, Enoteca Buqué, Catroventos Editora, Centros Bellum, Cafetería El Castro, Fermentum 42, Iberlus, Restaurante La Comidilla, La Favorita Vinos y Tapas, La Juakina, Los bocatas de Maryline, Magia en la manga, Pastetería Navaza, Farmacia Navia28, Óptica Argos, PetardPop, Pitiusas Moda Ibicenca, Bar Plaff, Sintimones, Sweet Home Decoración, Sweet Paripé, Taberna A Mina, Templo do Sol, Toysexshop, Vaidhé y Sukha Studio.

A tarde estará amenizada con música desde as 18.30 horas. Tamén haberá oferta gastronómica con pizzas, focaccias, empanadillas, bebidas e «moitas sorpresas» ata o inicio do PetardBingo ás 19.30.

O PetardBingo forma parte das propostas que organiza a asociación cultural Casco Vello Alto para festexar o orgullo LGTBIQ+ con música, cor, xogo, diversión e solidariedade.

Agardámosvos!