Por qué é necesario ter presente o feminismo cando falamos de saúde mental?
Na actualidade, a saúde mental é, de acordo coa OMS, un obxectivo prioritario a nivel mundial.
Ademais, os trastornos mentais presentan na actualidade unha problemática crecente no sistema de saúde español.
Co paso dos anos, esta problemática vólvese máis e máis prioritaria cada vez.
Asimismo cómpre destacar que por cada persoa cun trastorno de saúde mental, vése afectada tamén a saúde física e mental dos seus familiares, amigos e coidadores ou coidadoras.
Na actualidade, 1 de cada 4 persoas sofren algunha problemática de saúde mental ao longo da súa vida.
Porén, a prevalencia das mesmas non se distribúe equitativamente segundo o sexo das persoas.
As mulleres padecen máis trastornos de estados de ánimo, depresión, ansiedade e TCAs.
Por ese motivo, ten cabida falar de saúde mental con perspectiva de xénero.
Feminismo e saúde mental
O feminismo e a saúde mental están interconectadas de múltiples xeitos.
Este é un movemento político, social, académico, económico e cultural, que busca lograr a igualdade entre as persoas.
O obxectivo principal do feminismo é eliminar toda forma de discriminación e violencia contra a muller, en calquera das formas.
Dentro do feminismo xorde, durante a terceira ola do mesmo, o Feminismo interseccional.
Esta corrente busca comprender a complexidade do social, das relacións sociais e dos roles de poder entendendo a existencia doutras discriminacións que se suman ao machismo.
As mulleres que na actualidade sofren algún problema de saúde mental, sofren unha dobre discriminación:
- En primeiro lugar, sofren o machismo e o patriarcado polo feito de ser mulleres.
- En segundo lugar, atópanse con aqueles prexuízos ligados á condición de saúde mental que se lles diagnosticou.
- E nalgúns casos, tamén soportan unha discriminación a maiores aquelas persoas que ademáis do diagnóstico, teñen algún tipo de discapacidade.
- Tamén poden sufrir algún outro tipo de discriminación a maiores dependendo da condición de cada persoa (racismo, homofobia, antixitanismo, etc.)
O feminismo cobra vital importancia cando falamos non só de mulleres con problemas de saúde mental, senón tamén da relación existente entre saúde mental e xénero.
Este movemento político é un altavoz para aquelas mulleres “que non teñen voz”.
Por ese motivo, a vindicación da importancia da saúde mental ocupa un espazo central nesta loita.
Carol Hanisch escribe en 1969:
Unha das primeiras cousas que descubrimos nestes grupos é que os problemas persoais son problemas políticos. Non hai solucións personais neste momento. Só hai acción colectiva para una solución colectiva.
Carol hanisch
Esta frase, remataría por entenderse co paso do tempo baixo o lema feminista “O persoal é político”.
Por ese motivo as problemáticas de saúde mental na muller, así como aquelas situacións de risco e exclusión que poñen en perigo a súa saúde mental, non son un asunto individual.
Forman parte dunha problemática colectiva e de interese xeral, que compete a toda a sociedade por igual.
Isto engloba, por suposto, o caso das mulleres con enfermidades de saúde mental e a saúde mental en todos os casos.
Sabendo que os roles asociados as mulleres nos sitúan en desvantaxe para gozar dunha óptima saúde mental, a perspectiva de xénero faise ineludible para falar sobre a mesma.
Que é a perspectiva de xénero?
A perspectiva de xénero é un termo empregado na política pública que nos permite achegarnos a diferentes fenómenos ou realidades sociais entendendo o xénero coma un constructo social.
Deste xeito, analizamos o noso arredor comprendendo as dinámicas de poder inmersas na sociedade patriarcal.
E contruímos outro modelo dende o que traballar, onde promover a igualdade de xénero en todos os ámbitos da vida, e das nosas interaccións sociais.
Isto permítenos investigar a realidade cunha perspectiva feminista e interseccional.
Mais ademais de estudar con perspectiva de xénero, aínda é máis importante poñela en práctica.
Traballar a igualdade de xénero é importante polos seguintes motivos:
- Axuda a previr a violencia de xénero, a cal sofren con maior prevalencia as mulleres con trastornos de saúde mental.
- Educa ás persoas en valores ante situacións reais nas que se poidan ver inmersos ou inmersas.
- Contribúe ao benestar físico, mental e emocional das mulleres que se atopan no espazo onde se inclúe o traballo con esta perspectiva.
- Fomenta as relacións horizontais entre as persoas coas que se traballa.
Por estes motivos, ollar o noso redor facendo uso das “lentes moradas” é unha cuestión de xustiza social.
Saúde mental e muller en datos
Cando falamos de perspectiva de xénero e saúde mental, falamos tamén de dobre discriminación:
Pois ademais do machismo, estas mulleres tamén sofren o capacitismo e outros prexuízos relacionados ca súa enfermidade.
O motivo polo que a abordaxe da saúde mental dende unha perspectiva feminista é necesaria reflíctese nos datos.
Algúns exemplos dos mesmos son os seguintes:
- En España, as mulleres sofren o dobre de depresión e ansiedade que os homes1.
- As mulleres consumen maior número de antidepresivos e ansiolíticos que os homes1.
- As mulleres teñen maior probabilidade de padecer un TCA.
- 3 de cada 4 mulleres con enfermidade mental grave (EMG) sufriron violencia no ámbito familiar ou na parella algunha vez na súa vida.3
- Máis do 40% das mulleres con EMG que sofre violencia na parella na actualidade non a identifican como tal.
- 3 de cada 4 mulleres con enfermidade mental grave (EMG) sufriron violencia no ámbito familiar ou na parella algunha vez na súa vida.3
Por estes e outros motivos, a perspectiva de xénero cobra un papel especialmente relevante cando falamos de saúde mental.
Para máis información, no seguinte link pódese consultar a Guía de Saúde Mental e Perspectiva de Xénero realizada por FEAFES ou a Guía de Saúde Mental en Mulleres levada a cabo polo Ministerio de Igualdade.
- Encuesta Nacional de Salud de España de 2017. ↩︎
- Encuesta Nacional de Salud de España de 2017. ↩︎
- Investigación sobre violencia contra as mulleres con enfermidade mental ↩︎
- Investigación sobre violencia contra as mulleres con enfermidade mental ↩︎
Como se aplica a perspectiva de xénero na intervención dende Xaruma?
Algunhas das estratexias para fomentar a igualdade de xénero e asegurar que a intervención se leva a cabo dende unha perspectiva feminista en Xaruma, son:
En primeiro lugar, a elaboración dun Plan de Igualdade de Xaruma.
Este elabórase cada catro anos e é o eixe vertebrador das medidas igualitarias que se levan a cabo.
En segundo lugar, a existencia dunha comisión de igualdade que se xunta en asamblea cada mes para resolver as cuestións relacionadas coa igualdade de xénero que xurdiran na asociación.
En terceiro lugar, un grupo de mulleres non mixto entre as persoas participantes.
Este grupo reúnese unha vez a mes e constitúe o espazo onde se levan a cabo diferentes accións que fomentan o seu benestar e a igualdade dentro da asociación.
En cuarto lugar, cóidase nas actividades do día a día en Xaruma os seguintes elementos:
- Uso de linguaxe inclusiva e non sexista.
- Uso de material didáctico non sexista.
- Emprego do xogo, o roleplay e o debate para tratar o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero.
- Vía de comunicación aberta co persoal de Xaruma para comunicar as posibles situacións de acoso ou violencia.
Por último, tamén se invitan a diferentes entidades de Vigo que traballan pola igualdade a compartir connosco diferentes reflexións a través do Ciclo de Experiencias Sociais.
Para máis información, pódese consultar o apartado de Igualdade dentro da páxina web de Xaruma.
E se queres coñecer máis, non dubides en poñerte en contacto connosco!