Proxecto de apoderamento feminino en saúde mental
Orientado para mulleres con diagnóstico en saúde mental enmarcado dentro dunha segunda edición do proxecto “Mulleres en Acción“ co apoio económico da Xunta de Galicia.
Este proxecto, nace polas necesidades específicas que se detectaron relativas ás mulleres cun diagnóstico en saúde mental dun espazo propio e único, no que se poidan sentir seguras, escoitadas, apoiadas e libres.
Ademais, este será un espazo de formación para as mulleres con diagnóstico en saúde mental, para facer fronte as desigualdades asociadas á dobre discriminación que sofren, polo feito de ser mulleres e por ter un diagnóstico en saúde mental.
Traballaranse sobre aspectos fundamentais como a autonomía, autoestima, apoderamento feminino, sexualidades, múltiples discriminacións e colectivo LGTBIQ+, corporalidades, identidades e expresións de xénero, feminismos, prevención e loita das violencias de xénero. Resulta de gran interese incorporar a perspectiva do colectivo LGTBIQ+ para coñecer e dar visibilidade á súa realidade e ás múltiples discriminacións que sofren.
Existen datos que demostran a estreita relación entre mulleres con diagnóstico e a violencia de xénero, xa que son máis vulnerables a sufrir violencia de xénero. Isto, débese a que se atopan nunha situación de maior indefensa.
Algúns datos relevantes son: aproximadamente o 75% das mulleres con diagnóstico en saúde mental sufriron violencia por parte da súa parella ou no ámbito familiar. Se falamos de mulleres con trastornos graves que viviron en parella, a porcentaxe ascende ó 80%. Máis do 40% das mulleres con diagnóstico sufriron violencia sexual, especialmente na infancia. O risco que ten unha muller cun diagnóstico en saúde mental de sufrir violencia de xénero multiplícase entre 2 e 4 con respecto ó resto das mulleres da poboación. Cando isto ocorre, o 42% destas mulleres non identifica a violencia e as que si o recoñecen e denuncian, non se lles da credibilidade nin o apoio necesario debido ó seu diagnóstico en saúde mental.
Ademais, en España, 4 de cada 10 mulleres do colectivo LGTBIQ+ sufriron algún tipo de violencia por LGTBIfobia nos últimos 12 meses. Isto inclúe violencia física ou verbal, acoso e discriminación. É importante mencionar que as mulleres do colectivo LGTBIQ+ sofren múltiples discriminacións, polo feito de ser mulleres e pola súa orientación ou identidade de xénero. Isto incrementa a súa exposición a actos de odio, rexeitamento social e violencia.
Esta discriminación afecta na saúde mental das persoas do colectivo e estudos internacionais indican que as persoas do colecctivo LGTBIQ+ teñen máis do dobre de risco de suicidios e autolesións que as persoas heterosexuais, debido ós factores ligados á discriminación, estigma social e exclusión.
Dada a situación de interseccionalidade xa mencionada, é fundamental traballar dende unha perspectiva de igualdade entre mulleres e homes, o apoderamento das mulleres, fomentando a súa autoconfianza, autocoidados, poder e autoridade para decidir sobre os aspectos que afectan á súa vida, a información e sensibilización da saúde mental e do colectivo LGTBIQ+, a prevención e a loita contra a violencia de xénero, así como a saúde integral das mulleres e a súa sexualidade.
PROGRAMA E DATAS:
Bloque I: Abrazar a diversidade: Autonomía, autoestima e apoderamento feminino en saúde mental
Este primeiro bloque, céntrase en crea un espazo seguro de reflexión e aprendizaxe, onde as mulleres poidan recoñecer o valor da diversidade de experiencias, identidades e realidades que impactan na súa saúde mental. Partirase da idea de que non existe unha única forma de ser muller e que todas as vivencias son válidas.
A través de traballar a autoestima, foméntase o autocoñecemento, a aceptación persoal e a reconstrución dunha mirada máis amable cara unha mesma, cuestionando estigmas, imposicións sociais e roles de xénero que impactan negativamente no seu benestar emocional.
Neste bloque tamén se fomentará a autonomía persoal das mulleres con diagnóstico en saúde mental, entendida como a capacidade de tomar decisións propias, recoñecer necesidades, poñer límites claros e exercer dereitos na vida cotiá.
Finalmente, traballarase ó redor do apoderamento feminino como un proceso colectivo e individual que fortalece a confianza, a voz propia e a participación activa. Preténdese que as mulleres con diagnóstico en saúde mental recoñézanse como protagonistas dos seus procesos de coidados, de recuperación e de benestar.
- 23/02 26/02
- 02/03 05/03
- 09/03 12/03
- 16/03
- 23/03 26/03
- 30/03
Bloque II: Sexualidades e múltiples discriminacións: colectivo LGTBIQ+
Neste segundo bloque abordarase a relación entre diversidade sexual e xénero, saúde mental e distintas discriminacións, poñendo o foco nas experiencias específicas das persoas do colectivo LGTBIQ+. Partirase do recoñecemento de que as identidades e sexualidades diversas foron sempre historicamente invisibilizadas e estigmatizadas, tendo un impacto directo no benestar emocional e psicolóxico.
O bloque propón un espazo de escoita, validación e reflexión, onde se analizan as múltiples formas de discriminación (sociais, familiares, institucionais e sanitarias) que atravesan as persoas LGTBIQ+, especialmente cando se suman outros eixos de vulnerabilidade como o xénero, a clase social, a idade ou a saúde mental.
Tamén se traballará a vivencia positiva e libre da sexualidade e a identidade, promovendo a autoaceptación, o respecto e o dereito a expresarse sen medo. Fomentarase a autoestima, o apoio comunitario e a creación de redes seguras como ferramentas chave de protección e coidado da saúde mental.
Este bloque busca, en definitiva, visibilizar realidades diversas, desmontar prexuízos e xerar conciencia colectiva, promovendo entornos máis inclusivos, empáticos e respectuosos que garantan o benestar emocional e os dereitos do colectivo LGTBIQ+.
- 06/04 09/04
- 13/04 16/04
- 27/04 30/04
- 04/05 07/05
- 11/05 14/05
- 18/05 21/05
- 25/05 28/05
Bloque III: Corporalidades, identidades e expresións de xénero
Este bloque céntrase na diversidade dos corpos, as identidades e as formas de expresión de xénero, entendidas como dimensións fundamentais da experiencia persoal e do benestar en saúde mental. Partirase dunha mirada crítica cara os modelos normativos e hexemónicos que impoñen como deben de ser, sentirse ou expresarse os corpos e os xénero.
A través da reflexión colectiva, analizaranse os mandatos sociais, estereotipos e violencias simbólicas que afectan as relacións co propio corpo e a identidade de xénero, xerando así inseguridade, autoesixencia, rexeitamento ou malestar psicolóxico.
O bloque promove a reapropiación do corpo como espazo propio, fomentando o respecto, a autoaceptación e o recoñecemento das distintas identidades e expresións de xénero como lexítimas e valiosas. Impúlsase ó dereito a habitar o corpo e o xénero de maneira libre, sen xuízos nin imposicións externas.
Dende unha perspectiva inclusiva e de coidado, este bloque, busca fortalecer a autoestima e a autonomía, creando espazos seguros onde cada persoa poda nomearse, mostrarse e sentirse recoñecida, contribuíndo así a unha saúde mental máis beneficiosa e respectuosa.
- 01/06 04/06
- 08/06 11/06
- 15/06 18/06
- 22/06 25/06
- 29/06
Bloque IV: Feminismos e prevención das violencias de xénero
Este bloque céntrase no feminismo como ferramenta de análise, conciencia e transformación social, poñendo o foco na prevención das violencias de xénero e o seu impacto directo na saúde mental das mulleres.
A partir dunha perspectiva feminista, analizaranse as distintas formas de violencia de xénero (físicas, psicolóxicas, sexuais, económicas, simbólicas…) así como as súas manifestacións máis normalizadas e invisibilizadas na vida cotiá, nas relacións afectivas, no entorno familiar, social e institucional.
O bloque promove a identificación temperá de situacións de violencia, o cuestionamento dos roles e mandatos de xénero que as sosteñen, e o fortalecemento de ferramenta persoais e colectivas para a prevención, a autoprotección e o apoio mutuo.
Ademais, traballarase a reconstrución da autoestima, a autonomía e a capacidade de poñer límites, poñendo en valor as redes feministas, comunitarias e os coidados como espazo chave de acompañamento e recuperación para as mulleres con diagnóstico en saúde mental.
En definitiva, este bloque busca apoderar as mulleres con diagnóstico en saúde mental dende o coñecemento e a sororidade, promovendo relacións baseadas no respecto, a igualdade e o bo trato, e contribuíndo á construción de entornos máis seguros e libres de violencias de xénero.
- 02/07
- 06/07 09/07
- 13/07 16/07
- 20/07 23/07
- 27/07 30/07
- 03/08 06/08
- 10/08 13/08
O proxecto articúlase en catro bloques interrelacionados que abordan a saúde mental dende unha perspectiva feminista, inclusiva e comunitaria. A través do recoñecemento da diversidade, o fortalecemento da autoestima e a autonomía, a visibilización das sexualidades e identidades diversas, a reflexión sobre os corpos, as expresións de xénero e a prevención das violencias machistas. O proxecto pretende xerar espazos seguros de coidados, conciencia e apoderamento.
Polo tanto, os bloques promoven o benestar emocional, a autoaceptación e a participación activa, poñendo no centro as experiencias das mulleres e colectivos vulnerables (LGTBIQ+), co fin de fomentar relacións máis xustas, libres e respectuosas como base para unha boa saúde mental.
Saídas
Unha vez ó mes faranse saídas polas catro provincias galegas para facer sinerxías con outras asociacións galegas que traballen dende unha perspectiva LGTBIQ+ e no ámbito da saúde mental. Ademais, nutrirémonos das ofertas culturais relativas a igualdade de xénero na cidade viguesa.
*Estas poderán sufrir modificacións dependendo da dispoñibilidade das entidades a visitar.
Titorías
Os venres cada quince días a partir do mes de marzo.
Marzo:
- 06/03 e 20/03
Abril:
- 10/04
Maio:
- 08/05 e 22/05
Xuño:
- 05/06 e 19/06
Xullo:
- 03/07, 17/07 e 31/07
Agosto:
- 14/08
En horario de 11:00 a 14:00h, sempre segundo cita (total de 33h)
HORARIO, DURACIÓN E LUGAR:
Do 23 de Febreiro ó 13 de agosto de 2026.
O curso ten un total de 138 horas de formación teórico-prácticas distribuídas en:
45 sesións e 33 horas de titoría o que fan un total de 171 horas dedicadas ó proxecto.
Local Xaruma. Torrecedeira Nº66 (Vigo)



PREZO
Sen custe.
INSCRIPCIÓN E REQUISITOS
As prazas son limitadas por cuestión de aforo.
As persoas destinataria son mulleres con diagnóstico en saúde mental, polo que os requisitos de acceso serán:
- Ter un trastorno mental diagnosticado.
- Ter un cadro clínico estable e adherencia ao tratamento.
- Ter máis de 18 anos.
Con entrevista inicial de valoración para ingresar no curso.
Para inscribirte debes chamar ao teléfono 698 142 158, enviar un correo electrónico a igualdadexaruma@gmail.com ou no seguinte formulario:


















