FORMACIÓN OFICIAL
Gustaríache traballar con persoas e para persoas? Pertencer a proxectos de dinamización e intervención? Cres que a educación é o camiño para lograr grandes cousas? Disfrutas do contacto da natureza e ves nela un recurso valiosísimo? Pois este é o teu curso. Faite monitor/a de actividades de tempo libre e comeza a dedicarte ao que máis che gusta.

Nós cremos que este curso é unha das mellores e maiores bases para desenvolver calquera profesión, estea ou non estea dentro do mundo da educación no tempo libre. Aportarache outra forma de ver e vivir as cousas, fomentará a túa creatividade, coñecerás cousas de ti mesma/o que descoñecías e, como non, coñecerás a xente que ve o mundo de forma moi similar a ti e que, seguro, pasan a formar parte da túa vida.
Desenvolvemento
O curso consta de 350 horas divididas en 200 teórico prácticas presenciais e 150 de prácticas en institucións ou campamentos de verán. Ademais, este curso leva consigo o título de manipulador de alimentos, de 6 horas de duración (formación en liña e a maiores deste curso).
Datas: 25 de xuño – 28 de xullo (consulta o calendario)
Horario: luns, xoves e venres: 9-15.10h*. Martes e mércores: 9-14 / 15-20 h.
* Os xoves 9 e 16 de xullo o horario será de 10 horas. O sábado 18 de xullo a xornada será no exterior, realizando tamén 10 horas.
Lugar: Local Xaruma en Torrecedeira 66 (Vigo)
Requisitos: maior de idade con graduado escolar ou equivalente. .
Contidos:
- Psicoloxía e Educación no Tempo Libre
- Animación
- Educación para a Saúde
- Educación Medioambiental
- Organización e Recursos
O curso combina a práctica coa teoría, sendo un curso de contidos moi dinámicos e experienciais, probando todos os xogos e dinámicas. Tamén hai tempo para a reflexión sobre a importancia e responsabilidade de ser monitor/a, ademais da relevancia educativa do sector. Ao longo de todos os contidos, cada persoa vai creando o/a monitor/a que leva dentro e vai marcando cara onde quere ir. Non son clases maxistrais nin clases onde tan só se xoga, as sesións son a unha combinación equilibrada entre teoría e práctica para adquirir os coñecementos necesarios para iniciarse no mundo do tempo libre.
En Xaruma cremos que a formación presencial é a clave para aprender a xestionar grupos, traballar en equipo, perder medos, gañar confianza, experimentar as diferentes dinámicas, fomentar a parte creativa e construírse como monitor/a. Esta é unha profesión cun alto nivel de responsabilidade e traballo en grupo que precisa de procesos e dinámicas humanas.
Aportación:
310 € tarifa ordinaria.
300 € persoas socias ou voluntariado activo.
Posibilidade de pagos fraccionados seguindo esta temporalización:
- Reserva de praza (antes do 22 de xuño): 180€ / 170 €
- Segundo pago (antes do 6 de xullo): 80€
- Terceiro pago (antes do 20 de xullo): 50€
DESCONTO 20=20. Se o grupo final do curso é de 20 persoas ou máis, descontarase 20€ a cada unha das persoas, na última cota.
Avaliación
Como todo curso, ten o seu proceso de avaliación. Para aprobar, non basta con pagar o curso e asistir, hai que conseguir o apto nos seguintes aspectos:
- Deseño e execución de proxecto de tempo libre.
- Entrega de tarefas encomendadas por cada módulo.
- Asistencia a máis do 80 %. Entrega de traballo extra por faltar máis do 10% das horas.
- Actitude, iniciativa, traballo en equipo, participación e capacidade de xestionar grupos.
Tan só poderán facer as prácticas as persoas que teñan o APTO na fase teórica.
Documentación a entregar:
- Fotocopia do DNI
- Fotocopia título graduado escolar ou equivalente
- Foto de carné
- Certificado negativo de delitos de natureza sexual. Podes descargalo aquí.
- Resgardo bancario (unha vez confirmada a praza)
Toda esta documentación entregarase no momento de inscrición, agás o resgardo bancario.
Se aínda tes dúbidas consulta Preguntas frecuentes
Para preinscribirte, simplemente enche o formulario final cos datos correctos e completos, engadindo a documentación solicitada. No prazo máximo de 5 días hábiles enviarémosche un correo confirmando a praza e indicando os pasos a seguir.
* Non se devolverán os cartos salvo que o curso finalmente non se realice ou a praza sexa cuberta. O feito de que a persoa acade o non apto nalgunha das fases do curso, non suporá a devolución do importe da formación.


















