Obradoiros de Saúde Emocional

A saúde emocional é un aspecto fundamental no desenvolvemento das persoas e, concretamente, na adolescencia, xa que neste período experimentan numerosos cambios físicos, psicolóxicos e sociais. O traballo sobre a saúde emocional contribúe á mellora da capacidade de xestionar as emocións, afrontar o estrés e resolver conflitos, o que permite adquirir habilidades para tomar decisións saudables e ter unha visión positiva de si mesmos/as.

Saúde emocional
Imaxe de Tara Winstead

O traballo da saúde emocional tamén resulta esencial para crear un ambiente de apoio no que os/as adolescentes se sintan comprendidos e conectados, tanto nas súas relacións familiares como sociais. A falta de ferramentas emocionais adecuadas pode levar a comportamentos de risco, por iso a través de programas de educación emocional, ensinamos a identificar e verbalizar os sentimentos e abordar os conflitos dunha maneira sá, achegando ferramentas e recursos. Neste sentido, traballar a saúde mental tamén fortalece a cohesión social e a creación de comunidades máis resilientes e empáticas.

Dentro das actividades educativas en Lugo xorde o proxecto SATTVA levado a cabo por Paula Santos en colaboración con Asociación Xaruma. Este proxecto traballa a saúde emocional na infancia e adolescencia mediante obradoiros prácticos e vivenciais de 50-60 minutos. Impartido principalmente nos centros escolares da comarca de Monforte (Lugo), achega recursos e ferramentas ao alumnado para xestionar conflitos e ser conscientes da importancia do coidado da saúde.

Paula Santos, educadora social de profesión, ofrece asesoramento e atención terapéuticos e socioeducativos, imparte charlas e talleres sobre habilidades sociais, xestión emocional… dende o gabinete socioeducativo en Monforte.

“Os/as mozos/as non son o futuro; son o presente. Coidar deles/as, respectar a súa dignidade e proporcionarlles as ferramentas necesarias para medrar é un deber moral e unha inversión na sociedade que todas as persoas desexamos.”
Kofi Annan