O IV Concurso MentalizARTE ten a misión de reflectir unha imaxe positiva da saúde e/ou da Cultura Galega en torno ao Ano Castelao. Aquí as obras gañadoras!

Gañadora do premio á mellor fotografía. 

Memorias dun esquelete – Shuri

Representa unha escena da mesma obra na que o esqueleto do noso protagonista sae da tumba para aventurarse nun mundo novo e marabilloso.  

Gañadora do premio ao mellor relato.

“As eleccións”, de Irili

   Manuela e Xoán eran dous amigos que vivían nunha pequena vila de Ourense, tiñan 12 anos e estudaban nun pequeno colexio que se atopaba preto da igrexa. Nunha semana serían as eleccións, e o que os nenos non sabían era que as súas familias tiñan ideoloxías contrarias.

    Manuela viña dunha familia adiñeirada e nunca lles faltou de nada. O pai era banqueiro e a nai podía permitirse o luxo de non traballar. Tiñan unha das mellores casas da vila e sempre foron de dereitas.

   Pola contra, Xoán era un neno procedente dunha familia humilde, o seu pai traballaba nun matadoiro e a súa nai coidaba dunha veciña moi vella que non lle pagaba moito. Vivían nunha casa xunto cos seus avós, tamén tiñan unha pequena horta e un par de galiñas. O avó non sempre foi dun único partido político, pero dende que a situación na casa fóra a peor, comezaron todos a votar á esquerdas.
Os seus pais levábanse bastante ben, sempre quedaban na taberna ao dar as nove e falaban acerca de moitos temas, excepto de política. Mentres tanto os dous amigos camiñaban ao longo dos camiños, falaban sobre o colexio e inventaban historias para pasalo ben.

   Cando soamente quedaban dous días para as eleccións, a xente unicamente falaba diso. Na pescadería, Manuela, ao acompañar á súa nai, escoitaba ás mulleres discutir sobre que partido sería mellor para todos e quen os representaría mellor. Tamén no periódico centrábanse nelas, dicían que este ano podería haber cambios importantes.

   Ao día seguinte, no colexio, o profesor de lingua mandoulles facer unha redacción para que expresaran a súa opinión sobre a política. Tanto Xoán coma Manuela foron preguntarlles ós seus pais, e vaia sorpresa levaron os dous cando se intercambiaron os textos e viron que tiñan un pensamento diferente. En realidade a eles dáballes o mesmo, pero aos seus pais non lles gustaba que se seguiran vendo.

   Por fin chegou o día, todas as persoas do pobo tiñan que ir a unha sala que había no fondo do colexio, onde cada un metería o seu voto na urna que lle correspondese. Manuela e Xoán decidiron ir e así dar unha volta xuntos mentres os seus pais votaban. Esa tarde, ao dar as nove, o pai de Xoán decidiu non ir á taberna, dicía que non quería pasar o tempo cunha persoa que soamente pensaba nela mesma e non no ben común. Sen embargo, os dous nenos deron un paseo, e Xoán díxolle a Manuela que dende as eleccións os seus pais non se levaban moi ben. Manuela respondeulle que a ela non lle importaba o que pensaran os seus pais, que non tiñan por que deixar de verse e de pasalo ben porque as súas familias pensaran cousas distintas, e así o fixeron.


Coa colaboración económica de Cultura da Deputación de Pontevedra.