4ª edición da actividade de teatro comunitario e social
Un ano máis retomamos coa mesma ilusión e con máis ganas, se cuadra, co grupo de teatro.
Xane…que?
Xanela é o nome dunha fermosa colaboración. Todo xurdiu á raíz dunha reunión entre Xaruma e o IES Chapela para explorar novas formas. O IES Chapela ten o módulo de atención sociosanitaria e apetecíalles realizar un proxecto de aprendizaxe e servizo que enriquecese ao seu alumnado e tamén a algún colectivo. Xaruma, pola súa banda, levabamos tamén tempo querendo colaborar co instituto, pois a distancia do centro era moi accesible dende a entidade e as posibilidades de colaboración podían enriquecernos a todas moito. Había predisposición polas dúas partes, pero… que facer?
E, case como regalado, xurdiu a idea de facer un grupo de teatro. E tamén, como regalado, xurdiu a posibilidade de colaborar coa ESADg (Escola de Arte Dramática de Galicia).
Et voilà! Un luns cada 15 días xuntabámonos no Multiusos de Chapela e, entre bambalinas, aprendiamos con xogos de deshinibición e interactuación, traballando coa expresión corporal e vogal e a dramatización e, desta forma tan natural xurdiu: XANELA. Xaruma + Chapela. Pero tamén como unha ventá aberta a diversas formas de relacionarnos, sentir, expresar…
Facendo lembranza de anos anteriores…
En xuño de 2022 estreamos a obra “Pon o teu título“; unha peza que falaba da rapidez do día a día, das etiquetas, do estigma e, como non, da liberdade. Unha obra máxica chea de luz, música e vida.
En xuño de 2023 a estrea foi da man de “Disparos de luz”; unha obra moi visual e participativa na que o público, cun disparo de luz, daba vida a cada personaxe. Unha obra que demostra que o amor, no seu concepto máis xeral, sempre pode con todo.
En xuño 2024 “Sinfonía Graffiti” trouxo a beleza de cada recuncho, de cada vila, de cada pobo, de cada cidade coas particularidades de cada Barrio e as súas persoas. Un sinónimo de diversidade e mestizaxe de culturas.
Un ano máis queremos seguir abrindo o grupo de teatro para que esa diversidade sempre siga presente… Anímaste? Comezaremos o 7 de outubro no Multiusos de Chapela. Será un luns cada 15 días de 12:30h a 14:10 horas. Se queres formar parte desta 4ª edición, chama ou escríbenos para informarte.
- Dirección Teatral: ESADg
- Dirección Social: Asoc. Xaruma
- Dirección Loxística e Teatral: IES Chapela
E unha cousa máis… todas as persoas son importantes! Con isto queremos dicir que non todas as persoas do grupo; hai persoas encargadas da escenografía, do vestiario, atrezzo, maquillaxe, luces, música…
Únete a Xanela!