“Ter discapacidade non significa non ter personalidade”

O noso papel como educadores/as no tempo libre, relacionado coa diversidade nos campamentos, recae en facilitar a integración de todas as nenas e nenos no campamento, en crear ambientes libres e seguros para que todo o mundo poda ser. Para elo, debemos dedicar tempo a coñecelos/as, saber dos seus intereses, que lles gusta e que non lles gusta, que lles relaxa, que lles inquieta… Isto é xeral para todas as persoas. A diversidade existe sempre e é marabillosa.

No caso de nenos/as con discapacidade, temos que aplicar a mesma norma. A maiores dunhas características concretas por un trastorno determinado (e que non ten porqué cumprir todas) o neno/a tamén ten intereses, gustos e forma de ser. O ocio inclusivo é posible, mais temos que dedicarlle tempo a coñecer a todos/as os/as nenos/as.

Tendo en conta isto, tamén temos que ter presente que os trastornos teñen características concretas pero que estas non se teñen porqué dar todas na mesma persoa. É moi útil a comunicación inicial coas familias para ter máis información de cara ao inicio e poder traballar a diversidade nos campamentos.

É importante destacar que traballar a diversidade nos campamentos debe ser un método en si e non unha actividade extra; isto é, a forma de traballar por parte de todo o monitorado debe basearse na inclusión de todas as persoas, exista ou non exista un diagnóstico no grupo.

Trastornos e síndromes máis comúns nos campamentos de verán:

TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA (TEA).

É un trastorno que ten manifestacións moi variables en todas as persoas que o presentan, pero destácanse dúas áreas que cobran importancia: (1) a comunicación e interacción social e (2) a flexibilidade de comportamento e pensamento.

Comunicación e interacción social

  • Habilidades de comunicación verbal e non verbal, manifestadas tanto a nivel de comprensión como de expresión.
    • Comunicación verbal: as persoas con TEA poden ter habilidades lingüísticas adecuadas, pero poden atopar dificultades para utilizalas de forma contextualizada. Outras persoas poden non ter habilidades lingüísticas verbais e utilizar sistemas alternativos (por exemplo, pictogramas).
    • Comunicación non verbal: as persoas con TEA poden experimentar dificultades para empregar ou entender o significado de xestos ou expresións faciais das persoas, así como outros elementos relacionados coa comunicación non verbal (por exemplo, contacto ocular).
    • Habilidades para a interacción social: poden atoparse dificultades para relacionarse coas demais persoas, comprender a contorna e desenvolverse en situacións socials, por exemplo: non comprender as regras sociais non escritas, problemas para adaptar o comportamento ao contexto…

Flexibilidade do comportamento e do pensamento.

  • Forma de pensar e comportarse: as persoas con TEA poden ter dificultades para responder de forma flexible ás demandas dos diferentes contextos e axustar a sá forma de pensar e comportarse. Por exemplo, insistencia en que todo cumpra sempre a mesma rutina ou comportamento repetitivo e ríxido.
    • Estímulos sensoriais: algunhas persoas con TEA poden manifestar malestar ante determinados sons, olores, luces, sabores ou texturas. Tamén poden sentir indiferencia ante a temperatura ou a dor.

Que aspectos poden facilitar a estancia dun/ha neno/a con TEA nun campamento de verán?

CARA AO/Á NENO/A

  • Comunicarse coa familia para evitar, na medida do posible, un cambio demasiado significativo nas rutinas do/a menor, entendendo en todo momento que estamos nun campamento con pernoita.
  • Reducir barreiras comunicativas. Engadir pictogramas na cartelería escrita (baños, habitacións, actividades, xogos…). Os pictogramas facilitan a comunicación a moitos/as nenos/as, exista ou non exista TEA.
  • Respectar as rutinas.
  • Anticipar situacións (por exemplo, “Vamos a ir ao río a facer Kaiak. Unha vez alí, vamos poñernos en bañador e chanclas e vamos a deixar a mochila nunha casa. Despois iremos a pola pa e logo camiñaremos ata o río” ou “Vamos a ir á velada das druídas. Ao principio estará todo escuro e de repente aparecerán monitores disfrazados de druídas que estarán berrando e cantando…”. En caso de que exista algún cambio na rutina do día, tamén llo anticiparemos “Mañá merendaremos ao aire libre porque vai facer sol”.
  • Relacionado co anterior, se vamos coller algo na súa maleta, temos que avisarlle ou pedirlle permiso. Se o acompañamos á ducha e queremos axudarlle a quitarse a espuma do pelo, antes pedirémoslle permiso para tocarlle a cabeza ou anticiparémosllo. Isto é aplicable a todos/as os/as nenos/as.
  • Ante a posibilidade de non sentir dor ou frío e calor e coa intención de previr catarros, malestares ou roturas, velar pola súa integridade nestes aspectos.
  • Reforzar a conduta positiva.
  • En caso de crise, velar pola redución do dano e por crear un clima e ambiente relaxado e con poucas persoas.

CARA AO RESTO DE ACAMPADOS/AS

  • Explicar aos/ás acampados/as de que forma poden relacionarse co neno/a que ten TEA.
  • Educar na importancia da diferencia entre as persoas e na riqueza da diversidade.

DENTRO DO EQUIPO DE MONITORADO

  • Rotar en funcións de acompañamento.
  • Evitar a carga a un só monitor/a dos coidados e atencións.
  • Comunicarse ante o conflito, esgotamento ou descoñecemento. Ter presente sempre que somos un equipo.

TRASTORNO POR DÉFICIT DE ATENCIÓN CON OU SEN HIPERACTIVIDADE (TDA OU TDAH)

É un trastorno neurobiolóxico caracterizado por unha dificultade de manter a atención voluntaria fronte a actividades, tanto académicas como cotiás, unido á falta de control de impulsos. O trastorno dividese actualmente en tres subtipos:

Déficit de atención

  • Falta de atención aos detalles, producindo erros por descoido tanto nas tarefas escolares como noutras actividades. Dificultade para manter a atención nas tarefas ou organizalas.
  • Evasión de tarefas que lle requiren esforzo mental.
  • Dificultade para seguir as instrucións que se lle indican, incluso parecendo que non está escoitando.
  • Descoido nas actividades do día a día (comer, hixiene, vestimenta…)
  • Distracción fácil ante estímulos irrelevantes.
  • Dificultade para prestar atención a dous estímulos distintos.

Hiperactividade

  • Movemento excesivo de mans e pés. Dificultade para estar quieto nun mesmo sitio.
  • Dificultade para participar en actividades de forma tranquila. Pode chegar a correr cando o contexto ou o lugar non son apropiados para correr.
  • Sensación de “estar sempre en marcha”. A miúdo, falador/a.
  • Dificultade para esperar.
  • Expresión das emocións con moita intensidade.

Impulsividade

  • Facilidade para actuar sen pensar nas consecuencias, falar en momentos pouco oportunos e para responder a preguntas que aínda non se remataron de formular.
  • Facilidade para interromper conversas, explicacións e incluso entrometerse nos asuntos doutras persoas.
  • Dificultade para a planificación e para esperar. Amosan pouca paciencia.
  • Posibilidade de ter mal perder.

Que aspectos poden facilitar a estancia dun/ha neno/a con TDA ou TDAH nun campamento de verán?

CARA AO/Á NENO/A

  • Axudarlle na planificación e organización. Por exemplo, dedicarlle tempo a organizar a maleta para saber onde está cada cousa.
  • Dificultar as distraccións, por exemplo, facendo que nas explicacións se sente nas partes dianteiras, ou non realizar moitos estímulos ao mesmo tempo nas actividades.
  • Facilitarlle o movemento cando notemos que está moi inquieto/a, por exemplo, pedíndolle que nos achegue determinado material que está lonxe.
  • Crear unha sinal secreta, acordada previamente co neno/a, que lle avise da súa distracción, por exemplo, tocarlle un hombreiro ou dar dous toques co pe no chan.
  • Realizar reforzo positivo.

CARA AO RESTO DE ACAMPADOS/AS

  • En caso de conflito ou dúbida, explicar aos/ás acampados/as de que forma poden relacionarse co neno/a que ten TDA ou TDAH.
  • Educar na importancia da diferencia entre as persoas e na riqueza da diversidade.

DENTRO DO EQUIPO DE MONITORADO

  • Establecer as medidas concretas que funcionan con cada neno/a, para poder traballalas en equipo.
  • Comunicarse ante o conflito, agotamento ou descoñecemento. Ter presente sempre que somos un equipo.

SÍNDROME DE DOWN

Alteración xenética que se produce pola presenza dun cromosoma extra ou parte del no par 21. As características máis comúns son retraso psicomotor global, hipotonía muscular, laxitud dos ligamentos, retraso na adquisición de condutas motoras, coordinación psicomotriz escasa e dificultade na manipulación fina.

Que aspectos poden facilitar a estancia dun/ha neno/a con síndrome de DOWN nun campamento de verán?

CARA AO/Á NENO/A

  • Fomentar a súa autonomía na toma de decisións.
  • Comunicarse con eles/as de forma normalizada, evitando a infantilización excesiva.
  • Evitar a sobreprotección.
  • Evitar as prisas. Traballar a planificación previa para poder evitalo.
  • Realizar reforzo positivo.

CARA AO RESTO DE ACAMPADOS/AS

  • En caso de conflito ou dúbida, explicar aos/ás acampados/as de que forma poden relacionarse co neno/a que ten síndrome de down.
  • Educar na importancia da diferencia entre as persoas e na riqueza da diversidade.

DENTRO DO EQUIPO DE MONITORADO

  • Establecer as medidas concretas que funcionan con cada neno/a, para poder traballalas en equipo.
  • Comunicarse ante o conflito, esgotamento ou descoñecemento. Ter presente sempre que somos un equipo.

A diversidade nos campamentos, sexan do tipo que sexan, é unha oportunidade para traballar a empatía, a comunidade e a educación en valores.