A que fai referencia a dinamización lingüística do galego?

A dinamización lingüística é o proceso de promoción da lingua galega que se leva a cabo mediante a planificación e posta en marcha de actividades, accións e recursos destinados a incrementar o uso, a presenza e o prestixio da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade. Todas as propostas e iniciativas de dinamización lingüística, que permiten avanzar e fortalecer a normalización do galego nos diferentes usos da vida pública ou privada da cidadanía de Galicia, están suxeitas ás políticas de normalización lingüística.

A que fai referencia a normalización lingüística do galego?

O galego é unha lingua minoritaria debido a súa situación de desequilibrio e desvantaxe respecto ao castelán, lingua dominante, que goza de maior prestixio social e desenvolve funcións elevadas. Para superar esta situación, de diglosia ou bilingüismo diglósico, lévanse a cabo estratexias de normalización lingüística.

Tras a etapa dos Séculos Escuros o galego inicia o proceso de normalización lingüística no século XIX, ao ir pouco a pouco recuperando unha posición maior nas esferas sociais.

As políticas de normalización lingüística precisan da intervención de diferentes sectores sociais tanto das institucións publicas (Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Parlamento, deputacións, ou concellos) como das accións de colectivos non institucionais (asociacións) e as accións individuais. O éxito depende do interese e da eficacia das institucións e da toma de conciencia da cidadanía.

A Lei de Normalización Lingüística de 1983 foi un punto de partida clave, debido as medidas establecidas para promover o uso do galego en todos os ámbitos. A raíz desta lei, aprobase o dereito do uso da lingua galega para todas as persoas galegas. Ao mesmo tempo, tamén se proclama o galego como lingua cooficial e permite avances normalizadores nos diferentes espazos.

Área de normalización lingüística en Xaruma

Asociación Xaruma conta con unha área de actuación de normalización lingüística; apoiando estas estratexias e necesidades.  Realizamos unha intervención transversal para normalizar o uso do galego no eido da animación social. Algunhas das accións de dinamización lingüística de Xaruma son:

  • Facemos visible o galego como como a lingua de referencia de Xaruma, tanto a nivel interno como externo (comunicacións).
  • Relación da toponimia coa natureza, o turismo rural e a ecoloxía.
  • Obradoiros que presentan galego como unha lingua viva e válida para actividades sociais.
  • Implicación no proceso de normalización da lingua ao monitorado e voluntariado que interveña nas actividades.
  • Actividade de ocio saudable para as persoas usuarias e as familias nas que se fomenta o uso do galego. Realización de actividades de estimulación cognitiva, psicomotricidade e artísticas en galego e con promoción da cultura e tradicións galegas.
  • Radio Maruxa e Xanela Imaxinativa: realización de actividades de programas de radio e compañía de teatro en galego.
  • Módulos de lingua e sociolingüística aplicada a animación social nos cursos de Monitor/a de Ocio e Tempo Libre.
  • Realizamos publicacións en galego da páxina web da Asociación para proporcionarlle ao público canta información precise.
  • Relacionamos o galego coa igualdade de xénero, respecto  polas culturas e tradicións, rexeitamento da exclusión social.

Por que é importante a promoción de actividades e recursos de ocio en galego?

A metodoloxía de normalización lingüística en Galicia e, polo tanto, as súas actividades de dinamización lingüística alcanzaron avances significativos na sensibilización da poboación. Afectaron notablemente na consideración do idioma, no incremento do seu uso en ámbitos da educación e na creación dunha maior conciencia sobre a necesidade de protexer e preservar o idioma como unha parte clave da identidade galega. Polo tanto, a planificación e execución de actividades e os recursos de ocio en galego contribúen a:

  • Reforzar o sentimento, autoestima e concepto de identidade galega, especialmente entre a mocidade.
  • A normalización do uso da lingua en diferentes espazos e contextos de ocio: obradoiros, festividades, actividades lúdicas e culturais.
  • O desenvolvemento de competencias lingüísticas.
  • A creación de espazos de inclusión de diversos perfís lingüísticos, que impulsan a convivencia e a integración social.
  • O apoio das políticas públicas de normalización lingüística.
  • A conciencia da importancia da lingua e da necesidade de apoiar o seu uso e promoción.
  • A inclusión da lingua nos programas educativos.

Actividades de ocio e recursos en galego:

A dinamización lingüística no ámbito do ocio e tempo libre é primordial para poder achegar a lingua a toda a cidadanía, especialmente a xuventude, e promover o seu uso en todas as esferas sen quedar relegado ao ámbito da educación ou institucións. Agora encontrámonos con unha porcentaxe reducida da mocidade que emprega a lingua galega diariamente, concretamente en zonas urbanas como sucede na cidade de Vigo. Paradigma contrario ao que sucede nas zonas rurais.

Actividades de ocio en galego na contorna:

Polo tanto, presentamos un listado de actividades actuais e accións de ocio en galego, que podedes encontrar nesta contorna:

  • Festividades ou eventos culturais: presentacións, festivais, mercados ou feiras que inclúen diferentes exposicións culturais, de teatro, música, cinematográficas ou literatura en galego. Por exemplo, a Festa dos Maios, o Festival de Cans ou a semana das Letras Galega.
  • Práctica de danza tradicional ou teatro en galego: promovido por asociacións ou iniciativas dos concellos. A Escola de Danza e de Gaitas Etnográfico A Buxaina de Vigo ou a compañía de teatro Sarabela de Pontevedra.
  • Programas de radio ou podcast en galego: Radio Galega, Galiza por Diante ou a nosa Radio Maruxa.
  • Actividades deportivas ou medioambientais: Campamentos de verán, Outono Xove ou sendas e andainas.
  • Xogos de mesa en galego: Galiza no tempo, Baralla galega, Ti non es de aquí e Vacaloura.

Recursos en galego para a dinamización lingüística:

Ao mesmo tempo tamén presentamos recursos (proxectos, programas ou portais web en galego) nos que poderás encontrar iniciativas de dinamización lingüística da lingua galega vinculadas ao ocio e ao tempo libre. Estas ferramentas tamén son útiles para poder deseñar, organizar e inspirarte na creación de actividades de ocio en galego.

  • Iniciativas de dinamización e proxectos de innovación lingüística: O portal da Lingua Galega.
  • Ortografía: RAG, Ortogal e Gaio.
  • A Mesa pola Normalización Lingüística.
  • Recursos en galego para a infancia: Apego.
  • Recursos da Asociación Socio-Pedagóxica Galega: As-pg.
  • Recursos sobre a Lingua Galega: Loia.
  • Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua: Prolingua.
  • Asociación de entidades locais pola lingua galega: ALingua.

A promoción da lingua galega é un obxectivo presente na Asociación Xaruma e consideramos que deberá ser un reto de todas as institucións públicas e privadas ou de iniciativa individual para adquirir o valor que a lingua merece e derribar todos os prexuízos lingüísticos que sostén.