Servizo de atención básica individualizada

Préstase unha intervención social centrada na persoa e na súa contorna complementaria aos servizos sociais básicos, con asesoramento en saúde mental. Consideramos dentro deste servizo a xestión dos recursos socioeconómicos que se apliquen a cada persoa, a realización de acompañamentos, o seguimento da adherencia ao tratamento (farmacolóxico, psicolóxico ou social). É un piar que camiña da man da persoa para guiala e asesorala.

Servizo de Adestramento de Habilidades Sociais

Intervención psicoeducativa destinada a mellorar a capacidade de interacción social, reducir o illamento e aumentar o benestar emocional. Este tipo de adestramento céntrase en ensinar, practicar e reforzar comportamentos sociais positivos así como realizar  adestramento da parte cognitiva e psicomotriz, aspectos que poden verse afectados debido a trastornos mentais.

Servizo de Ocio e Tempo Libre

Intervención baseada na educación no tempo libre mediante a que se aumentan as oportunidades sociais e de ocio que impactan positivamente na saúde mental. O ocio intervén na autoestima, no illamento social, na expresión, na organización do tempo… En xeral, mellora a saúde dende todas as súas esferas.

Información, divulgación e sensibilización

Sesións informativas para sensibilizar e informar á comunidade sobre saúde mental, coidados, ocio saudable e formación en actividades de tempo libre a través de sesións abertas e cursos específicos.

PERSOAS DESTINATARIAS:

  • Persoas con trastornos mentais
  • Familiares das persoas con trastornos mentais
  • Persoas coidadoras de persoas con dependencia e/ou discapacidade
  • A comunidade da contorna de Cortegada
  • A xuventude da contorna de Cortegada

Queres saber máis? Contáctanos no 698 142 158 ou no xarumaorg@gmail.com.


A saúde mental nas áreas rurais de Galicia representa un desafío particular debido a factores como a dispersión poboacional, a escasez de recursos sanitarios especializados e as dificultades no acceso a atención psicolóxica ou psiquiátrica. Moitas veces as persoas teñen que viaxar longas distancias para recibir atención, o que dificulta o seguimento continuo e o acceso oportuno aos tratamentos. Ademais, a estigmatización que, en ocasións, se asocia á saúde mental nas pequenas localidades pode facer que as persoas se sintan reticentes a pedir axuda, o que agrava a súa situación.

É fundamental intervir nas contornas rurais para mellorar a atención á saúde mental e reducir as desigualdades existentes en comparación coas zonas urbanas. A atención debe ser máis accesible e personalizada, adaptándose ás características específicas das comunidades rurais. Só cunha intervención integral que contemple todos estes aspectos será posible mellorar a calidade de vida das persoas que habitan nas áreas rurais de Galicia.

Por estes motivos empezamos a intervir no municipio de Cortegada, un concello ourensán de 1024 habitantes localizado no val central do río Miño.