Neste ano 2021 iniciamos o proxecto FIARES; un proxecto pensado para as familias das persoas participantes da entidade. Queremos darvos a boa nova de que a partir deste mes de outubro volve con diversos espazos: espazo nós mesmas, espazo adestra a túa mente, espazo novas tecnoloxías, espazo en familia, atencións individualizadas e acompañamentos e traballando dende casa.

Pretendemos seguir ofrecendo apoio emocional ás persoas coidadoras, incidindo na xestión emocional e no autocoidado, así como dotar de ferramentas necesarias para un maior benestar.  Seguimos cos diversos espazos para traballar estes aspectos:

  • Espazo Nós Mesmas: dedicado á reflexión e á atención integral como persoas pero, principalmente, como mulleres. Espazo para expresar os sentires e para a construción da persoa, esencialmente como muller, difuminando a visión única de “coidadora de” ou de “familiar de”. Realizarase os martes o xoves de 18:00 a 19:30h aproximadamente.
  • Espazo Adestra a túa Mente: actividades de adestramento cerebral e estimulación do funcionamento cognitivo, para mellorar o rendemento e a eficacia das capacidades cognitivas e, por conseguinte, reforzando a autonomía na realización das rutinas cotiás.  A nosa proposta é realizala os martes e xoves de 17:00 a 18:00 ou mércores e venres polas mañás.
  • Espazo en familia: Este espazo ten como obxectivo crear vínculos entre as familias das persoas participantes no que poidan expresar as súas dúbidas ou inquedanzas e poder poñer en común experiencias vitais. A idea é crear un espazo de lecer e de compartir mediante diversos talleres cunha programación cada 15 días (proposta de mércores pola tarde con posibilidade de outra data). Queremos crealo entre todas/os a través das vosas propostas. Posibles exemplos: taller de cociña saudable, taller de radio, taller de costura creativa, taller sobre a saúde da muller e afectividade…
  • Espazo Novas Tecnoloxías: para potenciar destrezas e habilidades relacionadas coas novas tecnoloxías. Abordaranse diferentes aplicacións de mensaxaría instantánea e de chat de vídeo, centradas principalmente na comunicación e no entretemento ( whatsapp, skype, google duo, meet, facebook…)
  • Atencións individualizadas e acompañamentos: a través de reunións individuais, servizo de paseos de acompañamentos e seguimento telefónico, darase unha atención máis individualizada e próxima ás familias.
  • Traballando dende casa: unha vez o mes, no trimestre que vai de outubro a decembro as persoas que queiran participar recibiran una compilación de materias variados de estimulación cognitiva para facer dende a casa. Tamén semanalmente podedes recibir teleactividades virtuais.

Estes espazos para familias son de carácter voluntario e gratuítos. Sería interesante que vos animarades a participar nalgún deles. Aínda que ben é certo que están relacionados entre si, non tedes porqué anotarvos a todos.

Podedes inscribirte través do correo electrónico participacionxaruma@gmail.com  ou mediante chamada ou WhatsApp ao teléfono 698 142 158.

Proxecto apoiado por: