O 2026 será o ano no que tentemos mercar o local. Para elo, lanzaremos unha serie de accións que nos axuden a chegar a ese obxectivo. Unha delas, é a consecución de avais mancomunados, pero…
Que é iso dos avais mancomunados?
Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros que opera en diferentes comunidades autónomas. Esta entidade, non traballa con garantías nin achegas de patrimonio, senón cun sistema de garantías ao que chaman avais persoais mancomunados.
Esta garantía consiste en que Xaruma ten que buscar entre as socios e socias da entidade ou colaboradores/as, persoas que confíen no proxecto e que asuman un compromiso persoal e individual para responder como avalistas por unha parte do préstamo solicitado. Tan só no improbable caso de que a entidade non puidese reembolsar o empréstimo, as persoas avalistas responderían no seu nome e só pola parte avalada (ou parte dela).
É un documento privado que non vai a notario e onde non se pide información económica da persoa que avala (nóminas, situación económica patrimonial etc.). Polo tanto, o aval persoal mancomunado non implica unha inmobilización de diñeiro nin depósitos nin fianzas. É dicir, é só un compromiso persoal e individual de quen confía nun proxecto colectivo.
O préstamo que se pretende pedir está avalado nun 75 % polo Fondo Europeo de Investimentos. O 25% restante deberá ser avalado polos avais mancomunados.
Hai unha cantidade estipulada para avalar?
Pódese avalar calquera cantidade que conscientemente se escolla a partir de 50 €.
Que pasa se Xaruma deixa de pagar o préstamo? Terei que asumir toda a cantidade que queda por pagar?
Non. Cada avalista responde tan só pola cantidade que avalou, mais esta cantidade tamén pode ser menos dependendo de en que momento se atope a deuda. Se xa se liquidou a metade da deuda, as cantidades avaladas tamén se reducen á metade.
Ao ser un préstamo para mercar un local, o maior aval que temos é o propio local. Antes de chegar aos avais mancomunados, existen outros camiños que podemos coller (aprazamento da deuda ou incluso, venta do propio local).
Se son aval mancomunado, significa que teño que entregar esa cantidade?
Non. Ser aval mancomunado non require entrega nin reserva de cartos. Simplemente estás asinando que poderías responder por esa cantidade de cartos en caso de que Xaruma non puidese seguir pagando o empréstimo.
Coop 57 non é un banco, é unha cooperativa de servizos financeiros coa que compartimos valores e métodos. Detrás deste nome, hai persoas que avalían non só a parte económica, senón tamén a parte social e o impacto das entidades socias.
Que hai que facer para ser aval mancomunado?
Hai que encher a folla de avalista e entregala en Xaruma, tanto por correo electrónico (firma dixital) como en persoa (firma manuscrita), en calquera das sedes da entidade (Vigo, Santiago, Cortegada ou Monforte), xunto cunha copia do DNI ou pasaporte. A maiores, é posible que te solicitemos a sinatura da protección de datos, en caso de que aínda non a teñamos.



















