Consideramos necesario establecer programas de intervención con mozos e mozas de idades temperás, por iso cremos na inclusión de actividades de prevención e promoción da saúde mental dende o ámbito formal da educación. Na nosa misión destacamos:

  • Buscar a educación integral do individuo, entendendo o individuo tamén como ser social. Pretendemos que o suxeito tome conciencia de súa capacidade para formar e formarse a través da animación. Tentamos motivar as persoas, presentar camiños atractivos que animen para que mozas e mozos desenvolvan as súas capacidades, que as leven a saber ser cooperativas, creativas e con iniciativa.
  • Considerar fundamental a volta a unha aprendizaxe da natureza. Precisamos da observación e do contacto da mesma que nos leve a un descubrimento do medio ambiente, a unha educación pola paz pero non coma algo paralelo senón que integre a esencia mesma do proceso educativo e vital.
  • Enfocar, expor e sentir o tempo libre como un estilo de vida e ofertalo como un ámbito rico e diverso para o crecemento e realización de calquera persoa que desexe aproveitalo. Ser coma un novo Xaruma no Tempo libre.

Destacamos a nosa experiencia con centros educativos (IES Universidade Laboral de Culleredo, IES Chan do Monte en Marín, CPR Apóstol Santiago en Vigo, IES Salvaterra, IES Bouza Brey en Vilagarcía de Arousa), levando a cabo actividades relacionadas co medioambiente e a saúde, concretamente a saúde mental.

É por iso que a nosa proposta de actividades en Saúde Mental segue a mesma liña, ofrecendo a centros educativos levar a cabo as seguintes actividades para ESO e Bacharelato:

ÁREA DE SAÚDE

  1. Obradoiro de Saúde Mental
  2. Obradoiro de cócteles sen alcohol.

ÁREA DE MEDIOAMBIENTE

  1. Obradoiro de vermicompostaxe
  2. Obradoiro de elaboración de xabóns

Por último, destacar que tamén ofrecemos formación a profesorado en Saúde Mental e educación ambiental, segundo demanda.

OBRADOIRO DE SAÚDE MENTAL

Este obradoiro se crea coa finalidade de facilitar unha nova perspectiva do concepto de saúde, concienciando sobre hábitos saudables e coidado do entorno e promover a protección da saúde en idades temperás mediante a formación, a sensibilización e a prevención.

O obradoiro é completamente práctico, facilitando a adquisición de conceptos mediante dinámicas e actividades prácticas para que o alumnado interiorice os conceptos a aprender. A actividade desenvólvese a través dun gran xogo de taboleiro, onde cada cor e casiña significa algo relacionado coa Saúde Mental, e desta forma, xogando, apréndense os contidos dunha forma efectiva e amena.

Entregarase ao alumnado documentación sobre os temas tratados.

Os contidos estarán apoiados por material interactivo que facilite as dinámicas.

O obradoiro acompañarase por unha mesa expositora durante o recreo para todo o centro, onde o alumnado poderá recoller información ou sacarse fotos con frases sobre a saúde no “photocall” (Optativo)

O obradoiro será levado a cabo por unha traballadora social especialista en Saúde Mental, con ampla experiencia no eido.

Contidos a tratar:

  1. Mitos e realidades sobre saúde mental.
  2. Conceptos
    1. Factores de risco.
    1. Factores protectores.
    1. Saúde e Saúde Mental
  3. Prevención. Que podemos facer?
  4. Reflexións finais

Duración: 90 minutos.

Beneficiarios/as: cursos dende 1º da ESO a Bacharelato, máximo 30 alumnos/as. Aconséllase non mesturar clases de idades moi dispares.

OBRADOIRO DE CÓCTELES SEN ALCOHOL

O obxectivo deste obradoiro é o de promover un consumo saudable para o fomento de alternativas ao alcohol mediante a elaboración de cócteles sen alcohol, ademais de promover unha alimentación saudable.

A duración do obradoiro é de 50 minutos e nel elaboraranse dous cócteles con froitas de tempada, que se consumirá nese momento. Entregaráselle ao alumnado todas as receitas a utilizar e o material para levalo a cabo será aportado pola entidade.

Duración: 50 minutos

Beneficiarios/as: cursos dende 1º da ESO a Bacharelato, máximo 30 alumnos/as. Aconséllase non mesturar clases de idades moi dispares.

OBRADOIRO DE VERMICOMPOSTAXE

A vermicompostaxe pretende conseguir o aproveitamento dos residuos para a obtención de abono orgánico a través das miñocas. Neste obradoiro, o alumnado realiza a súa propia casa de miñocas, onde se realizará a vermicompostaxe que se poderá utilizar posteriormente para o abonado de plantas, xardíns e hortas. É unha forma de asumir o ciclo dos alimentos. Este obradoiro, pretende:

  1. Fomentar cultura e responsabilidade sobre a importancia de conservar o noso ecosistema e o noso planeta, para mellorar a nosa calidade de vida.
  2. Reducir e reciclar os restos orgánicos xerados nos domicilios, comunidades, centros educativos, lugares públicos … implicando directamente ao alumnado.
  3. Reducir os custes de transporte e de xestión dos residuos municipais.
  4. Obter un compost de calidade e aproveitalo para o seu propio consumo fronte a outros tipos de fertilizantes.

Duración: 50 minutos.

Beneficiarios/as: cursos dende infantil ata bacharelato, máximo 30 alumnos/as. Aconséllase non mesturar clases de idades moi dispares. O obradoiro adáptase segundo a idade.

Este obradoiro pode realizarse presencialmente na entidade, combinándoo con outro dos obradoiros e acompañándoo cunha visita didáctica á horta da entidade.

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE XABÓNS

Mediante algo tan chamativo como crear xabón pódense traballar aspectos curriculares como a saponificación e a aplicación de fórmulas químicas. Os principais obxectivos deste obradoiro son:

  • Traballar o concepto de saponificación.
  • Reutilizar e reducir o consumo.                                                     
  • Achegar ao alumnado ao mundo da cosmética natural e sentir satisfacción polos traballos realizados.
  • Valorar a elaboración dos produtos do mundo da cosmética, utilizando ingredientes naturais do xardín e receitas caseiras para poder recuperar os antigos costumes.

Realizaranse dous tipos de xabón cosmético, utilizando herbas aromáticas para coñecer os seus beneficios.

Duración: 50 minutos

Beneficiarios/as: cursos dende 1º da ESO a Bacharelato, máximo 30 alumnos/as. Aconséllase non mesturar clases de idades moi dispares.

Este obradoiro pode realizarse presencialmente na entidade (Vigo), combinándoo con outro dos obradoiros deste dossier e acompañándoo cunha visita didáctica á horta da entidade.

Contacta connosco para solicitar máis detalles. Como entidade de iniciativa social, tamén estamos abertos a propostas por parte dos centros educativos.

CONTACTA