O xoves 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, saímos á rúa para sementar: sementar comunidade e diversidade, sementar espazos saudables, sementar outras realidades posibles, máis solidarias e xustas, realidades nas que convivir cun problema de saúde mental non implique discriminación ou estigma, senón realidades que saiban acoller e acompañen dende o respecto e a sensibilidade.

Convidámosvos este xoves 10 de outubro a sementar saúde, compartiremos a tarde na praza do Barrio das Flores en Teis dende as 18h, onde realizaremos diferentes actividades de visibilización e concienciación sobre a saúde mental (micro aberto para recitado de poemas e textos, creación dun mural colectivo, troco de sementes, lectura de manifesto, mesa informativa…). 

Tamén vos animamos a que se queredes propor algunha actividade ou iniciativa relacionada coa promoción da saúde mental para levar a cabo ese día acollerémola cos brazos abertos, cantas máis sempre mellor!

Se tedes algunha cuestión ou proposta, non dubidedes en contactarnos.

Descarga o folleto “40 segundos para actuar”.